O vindeiro xoves 27 de abril, a Biblioteca do Concello de Verín, acollerá a conferencia: «Francisco Fernández del Riego: Galicia no corazón. Letras Galegas 2023», que será impartida por Quico Domínguez e María Dolores Cabrera, padroeiros da Fundación Fermín Penzol.
Senopse conferencia: «Francisco Fernández del Riego: Galicia no corazón. Letras Galegas 2023»: Percorrido sobre a figura insigne de D. Paco como escritor, intelectual e galeguista, aglutinador da cultura galega ao redor da Fundación Penzol e a Editorial Galaxia.
Francisco Domínguez: Perito Industrial en Vigo, Enxeñeiro Industrial en Bilbao e Tese de Doutoramento na Universidade de Vigo. Exerceu o seu labor profesional na empresa privada durante máis de trinta anos e posteriormente incorporouse á Universidade de Vigo.
Incorporouse ao galeguismo en 1965, con vinte anos, da man de Xaime Isla Couto, fundador e secretario de organización do Partido Galeguista (1978-1982) e director (voluntario) de Cáritas da diocese de Tui-Vigo (1998-2002), ademais de Director da Fundación Penzol (2010-2021) tomando o relevo do propio D. Francisco Fernández del Riego.
Autor de innumerables artigos remata de comisariar a exposición «Fundación Penzol 1963-2023» conmemorativa dos 60 anos da mesma.
María Dolores Cabrera Iglesias: Licenciada en Filosofía e Letras (sección Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou como docente en Vigo. Complementariamente, realizou diversos cursos de ANABAD-Galicia e, no tempo da súa estadía en Madrid, o Curso General de Documentación, organizado por SEDIC. Traballou para a Consellería de Cultura nos equipos de elaboración do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego (CSBG) en diferentes bibliotecas da provincia de Pontevedra.
Realizou varios traballos de investigación sobre a edición e o libro galego. Froito deles, publicou a monografía divulgativa Editar en Galicia no 1993, así como varios artigos e colaboracións en diversas publicacións periódicas e Xosé M.ª Álvarez Blázquez. Ourive de libro, no 2008.
Formou parte da Mesa do Libro, que se encargou da elaboración da primeira Lei do libro e da lectura, aprobada no Parlamento no 2006.
Padroeira da Fundación Penzol, colabora nas comisións de Comunicación e mais de Actividades, coordinando, con outros compañeiros, os libros Fermín Penzol. Unha obra para un país (2010) e Francisco Fernández del Riego. Vigo no corazón de Galicia (2013).
No centenario do nacemento de D. Francisco Fernández del Riego (2013), xunto a Malores Villanueva, promoveu e coordinou o libro: «Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia», así como a mostra itinerante «Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito». E, neste presente ano, continua con colaboracións varias sobre D. Francisco Fdez. del Riego.