A Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclamou no ano 1990, ó día 1 de Outubro como día Internacional das persoas maiores. É un feito máis que constable, a revolución demográfica das persoas maiores no século XXI, sendo partícipes activos en tódalas esferas sociais.
A Área de maiores dos Servizos Sociais Comunitarios xunto coa Biblioteca Pública Municipal de Verín faise eco, un ano máis, da conmemoración de este día e programou unha actividade interxeracional co obxectivo de render unha homenaxe a este colectivo de poboación.
O día 2 de Outubro dende as 17:00 h ata as 18:30 h., a Área de maiores dos Servizos Sociais Comunitarios e a Biblioteca Municipal de Verín, acollerá a actividade interxeracional que leva por título «Ti tamén chegarás a vello». Consistirá na realización dunha manualidade conxunta (nenos e avós) e un contacontos posterior, namentres as persoas maiores terán lectura e charla-coloquio sobre diversos temas. A tarde rematará co reparto das manualidades realizadas que simbolizarán a solidariedade e compromiso de coidado que atestiguan os cativ@s cara os seus ancestros.
A actividade estará dirixida a 20 socios/as da Biblioteca, de 3 a 9 anos, e os seus correspondentes avós, abríndose o prazo de inscrición o vindeiro luns 28, podendo facela a citada inscrición na propia Biblioteca, por teléfono (988.41.36.24) ou por correo electrónico (biblioteca@verin.net).
Precisamos estar a carón das persoas maiores para ter conciencia da súa valía, do seu esforzo diario no coidado dos cativos, o espírito altruísta na súa economía, o sacrificio en horas de axuda os seus pais e nais dependentes, en definitiva, son o engranaxe vital no que se sustenta a «poboación activa». Por todos estes motivos e moitos máis, debémoslle dar unha visibilidade a todo ese esforzo e agradecer, aínda que sexa dun xeito sinxelo, a súa constancia.
Traballar arreo na procura dun cambio cultural e social cara os maiores da bisbarra de Verín é un dos obxectivos de éxito cara o futuro inmediato. A sociedade terá que por en valor a este colectivo como recurso humán activo e capaz porque así o está amosando a realidade cotiá.