O vindeiro 29 de xullo, ás 19:30 horas, a Biblioteca do Concello de Verín acollerá a conferencia «Lendas da raia», a cargo de D. José Lamela Bautista, inxeñeiro industrial, investigador, escritor, etnógrafo, e autor do libro «O Xurés e os seus misterios» e de multitude de artigos en diversas revistas galegas, das que destacamos Auria, Arraianos, Nós, Xurdimento e Lúa Nova, na que forma parte do consello de redacción, así mesmo conta con máis dun millar de artigos de opinión publicados en diversos xornais, sendo colaborador permanente de La Región e Geresâo (Portugal). Así mesmo destaca a súa labor no programa radiofónico cultural «Sempre en Galicia» de Radio Cornellá, do que é director e presentador. Tamén sobresaiu na súa labor política sendo alcalde do Concello de Lobios (2007-2011), e promovendo o parque natural do Xurés.
Así mesmo estará acompañado do etnógrafo José Rodríguez Cruz que naceu na veciña comarca de Conso-Frieiras, en A Gudiña. Autor de varios libros como Terras das Frieiras, que fai un percorrido pola historia e a cultura da zona limítrofe de Ourense con Portugal e Zamora, Así falan na Gudiña ou Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca (xunto co Padre Fontes no que se recolle boa parte dunha cultura ligada a mitos, crenzas ou celebracións relixiosas conservadas desde tempos inmemoriables polos habitantes do sur de Galicia e a rexión portuguesa de Tras-Os-Montes. Este escritor tamén conseguiu o XVI Premio de Investigación Antón Fraguas, polo seu traballo Indumentaria e fala (escolma de fraxeoloxía relacionada).