Presentación da novela «O Pazo das Marismas», de Alberte Blanco Casal

26/03/2026 to 26/03/2026 19:30 - 20:30

O vindeiro 26 de marzo, no SALÓN DE ACTOS, ás 19:30h. teremos a esperada presentación da nova novela de Alberte Blanco Casal que resultou ser Finalista do XLII Premio Xerais de Novela, na que foi xurado a Biblioteca de Verín na persoa de Aurora Prieto Tarrío.

Sinopse: Durante a Primeira Guerra Mundial, os señores do Pazo das Marismas teñen que enfrontarse a conflitos xeracionais e protestas obreiras, mentres que unha serie de ataques violentos e asasinatos descubrirán as conexións entre crimes locais e plans militares secretos. Nunha atmosfera chea de misterio, tensión e cambios sociais, o pazo do fondo da Ría de Vigo convértese nun escenario de conspiracións e espionaxe internacional entre alemáns e británicos, cos intereses das grandes potencias sempre presentes. Cun estilo áxil e moi cinematográfico, a novela combina a intriga do thriller co plano histórico e a crítica social, conformando un relato coral onde cada personaxe garda segredos e ambicións. Os diálogos vivos e as descricións coidadas transpórtannos a un momento de encontro entre tradición e modernidade onde as relacións de poder, paixón e traizón se entrelazan.

Alberte Blanco Casal, (Cobres-Vilaboa, Pontevedra, 1951) é escritor, enxeñeiro e profesor xubilado de ensino secundario. Colabora coa revista «Grial» e coa publicación periódica do Fórum Galaico Transmontano de Chaves (Portugal). Foi columnista do xornal «Nós Diario» ata xaneiro de 2024, onde segue como colaborador. En calidade de Director Xeral de Montes participou na obra colectiva «Os incendios forestais en Galicia» (2006). En 2015 publicou a obra de investigación «O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histórica ao período 1840-1930» e en 2017 participou como relator e coordinador na obra colectiva «O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?». En 2019 publicou «Memorias da brétema», un libro de investigación histórica, crónicas e memorias de infancia e adolescencia, e dous anos despois, «Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo» (Xerais, 2021). En 2023 participa como relator na obra «Diario de José Casal» e en 2024 participa tamén nunha obra colectiva sobre o 150 aniversario do camiño de ferro en Galicia, promovida pola Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril. Como narrador literario publicou as novelas «Arcadia. Os gardiáns do segredo» (2013); «O Códice esmeralda» (Xerais, 2017, finalista do Premio Xerais de Novela en 2015); «A soidade do inquisidor» (Xerais, 2024) e «O Pazo das Marismas» (Xerais, 2026, finalista do Premio Xerais de Novela 2025).

  • Quick Contact

    Biblioteca Pública Municipal de Verín

    Avda. Portugal, 11 Verín , Galicia 32600 España
    Tel: 988413624 / biblioteca@verin.gal

© 2015_B.P.M. de Verín, Todolos dereitos reservados.