Este ano estamos de celebración, pois cúmprense 10 anos da creación da cabeceira Fol de Veleno que, como xa temos explicado, naceu no 2006 como un fanzine etnográfico e de opinión.
Así que para celebrar este feito a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), decidiu facer un número especial do su anuario, e especial por varios motivos. Primeiro, pola súa extensión: 359 páxinas. Segundo, polo número de artigos: un total de 15 que van dende a antropoloxía do son, ata a arqueoloxía, pasando pola arquitectura, o manga, a investigación antropolóxica, a historia ou a crónica de viaxes.
E por último, un número especial pola súa maquetación, coa que quixeron render homenaxe a aquelas publicacións decimonónicas de historia, antropoloxía e viaxes.
Unha portada que reflicta a visión que dende a Sociedade Antropolóxica Galega ten do que debe ser o seu traballo e a súa filosofía, unha ollada ao mundo pero dende o seu particular xeito de ser como galegos, unha metafórica viaxe en globo polas paisaxes da cultura propia e allea pero sempre dentro da súa barquiña de vimbios coa que voa e navega seguros de non perder o rumbo e a ilusión.
A partir desta semana empezará a distribuírse nas librería coas que traballamos habitualmente. Quen non queira esperar ou prefira este xeito, pode pedilo por correo escribindo ao enderezo infosaga@antropoloxiagalega.org