Os maios de Gómez Pato. Conferencia Plácido Romero

30/04/2019 to 30/04/2019 19:30 - 20:30

cartaz-redesO vindeiro martes 30 de abril, xústamente previa a celebración dos maios, Plácido Romero, ofrecerá na Biblioteca do Concello de Verín, unha pequena conferencia sobre quen foi esta persoaxe icónica dentro do mundo dos maios en Verín.

 

Senópse da conferencia:

Pato e MaioA charla que se impartirá na biblioteca do Concello de Verín o día 30 de abril ás 19:30 supón un primeiro achegamento á figura de Enrique Gómez Pato (1922-1979), a quen se lle atribúe a recuperación da Festa dos Maios na vila, no ano 1951. Na actualidade dalle nome ós galardóns outorgados ós participantes na concentración e ás súas coplas, durante a celebración deste acontecemento, todos os primeiros de maio.

O relator asegura que Pato é unha figura esencial na historia recente da comarca de Monterrei, descoñecida polas novas xeracións e infravalorada por aqueles que chegaron a convivir con el pero que, en gran parte, ignoran ou esqueceron xa a súa significativa labor no eido da cultura.

Foi un extraordinario humorista, dramaturgo, director e actor de teatro, recuperador das tradicións e do folclore, mantedor daquel entroido branco e espontáneo dos anos cincuenta e sesenta, dinamizador das magníficas cabalgatas de Reis e doutros actos colectivos. Destacou tamén pola súa labor a favor dos mais necesitados organizando campañas e espectáculos de axuda, sobre todo para o Asilo de Anciáns, en épocas que non existían as dotacións económicas oficiais, e sempre manifestou o seu apoio ós desfavorecidos nos temas da vivenda e do traballo, entre outros.

A criterio do conferenciante, a súa labor mais meritoria e quizais a mais descoñecida é a súa obra literaria. É autor de, ó menos dúas obras teatrais, “Estreliña” e “Os dous irmáns”, que foron representadas con grande éxito pola provincia, de numerosos contos, “Heroes en el anonimato. O Porco”, Brown o paiaso”, “Medo. Misterios da noite fecha” “Tarde de fiesta calé”, “O burro do Senén”, “O tío Fervellas”, “O tranquilo”, e outros moitos. Foi colaborador e correspondente dos xornais “La Región”, de Ourense e La Noche, de Santiago. Escribiu varios poemas e incluso a letra e a música de panxoliñas. É esta faceta de escritor a que merecería un estudio literario e temático serio. Porque é singularmente chamativo o dominio da lingua castelá e do galego popular daquel momento, do que sempre se manifestou como un arriscado defensor, tendo en conta que non estamos de diante dun intelectual, senón dunha persoa que apenas acudiu a escola para os estudos primarios. Dedúcese, pois, que a dedicación á lectura ocupaba unha grande parte do seu tempo libre e é facilmente apreciable a influencia de D. Xesús Taboada Chivite, de quen se declarou varias veces como un entregado admirador e amigo. Asombra ademais a diferencia de rexistros e sensibilidades na súa escritura, desde a que poderíamos considerar como académica, á retranqueira e irónica, a lírica e emotiva, etc, e o “castrapo”, mistura de galego e castelán coa que trata de ridiculizar a quen se avergoña da fala galega. Adopta modelos e estilos diferentes segundo sexan os temas sobre os que escribe.

Pero o tema central da conferencia van ser as coplas dos maios que el compuxo durante nos mediados do século pasado, dentro do seu contexto. Nelas apréciase a norma fundamental, deste tipo de xénero literario popular, que consiste na crítica ou ridiculización de todo aquelo considerado como inxusto ou que transgrede os costumes e comportamentos cualificados como correctos. Dado que neses anos están comezando a producirse os cambios económicos e sociais que determinarán a sociedade actual os contidos a tratar van ser múltiples: as precarias actuacións do concello fronte ás novas necesidades, a aparición de actitudes consideradas transgresoras como as novas modas da xuventude ou os inicios de cambios no proceder das mulleres. Aínda así seguen sendo motivo de sátiras problemas xa antigos como os cotilleos e as murmuracións, as falsas aparencias, o fútbol local, as festas, a economía, etc.

Pero o tema que mais atención vai recibir de Gómez Pato, non só nas coplas dos maios, senón en toda a súa obra escrita, vai ser o da emigración. Fronte a improvisación coa que encara o resto das temáticas, esta recibirá un tratamento reflexivo, analítico e sobre todo lírico. É un doloroso e sentido lamento polas consecuencias deste fenómeno: a perda da xente e da cultura tradicional de Galicia.

O obxectivo fundamental, pois, desta charla, que estará ilustrada con imaxes, textos e algo de música, será analizar as coplas para refrescarnos hixiénicamente un chisco da memoria recente, contribuir a saber de onde vimos e non esquecer a un artista popular e a un loitador que, sen dúbida, colaborou á súa maneira, a mellorar naqueles anos as circunstancias das que procedemos directamente.

E o mais importante é que se fará desde un punto de vista ameno e indubidablemente divertido. Gran parte destas coplas enviábanse puntualmente a familiares e amigos residentes noutras cidades de España e Europa, que as reclamaban con avidez. E dicir era un produto de exportación.

Plácido Romero exprofesor de ensino medio e documentalista.

  • Quick Contact

    Biblioteca Pública Municipal de Verín

    Avda. Portugal, 11 Verín , Galicia 32600 España
    Tel: 988413624 / biblioteca@verin.gal

© 2015_B.P.M. de Verín, Todolos dereitos reservados.