“O Culto á Auga”, conferencia de D. Marco V. García Quintela e Dolores González de la Peña

15/03/2018 to 15/03/2018 19:30 - 20:30

Baixo o título global “O Culto á Auga”, teremos o xoves 15 a dous conferenciantes que nos falarán sobre a visión do pasado máis remoto, as orixes ancestrais e o culto á auga, e o vinculo da auga e a relixiosidade. Para elo contaremos coa presenza do profesor D. Marco V. García Quintela e Dolores González de la Peña, Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, onde exerceu a docencia e actualmente dirixe o blog Arqueotoponimia, centrado na toponimia e na prehistoria.

Contido da conferencia do profesor D. Marco V. García Quintela: As saunas da Idade do Ferro no Noroeste Peninsular

A relativa uniformidade das vivendas, rúas e murallas dos castros racha ca identificación de edificios destinados a saunas. Identificados os primeiros restos dende o século XVIII no norte de Portugal (a pedra formosa de Briteiros e a “cova” de Sanfins), non foi ata o período entre os anos 50 e 75 que finalmente se recoñeceron como destinados á función de saunas.
Coñécense uns 24 casos distribuídos por metades case que iguais entre a zona cantábrica e o territorio entre o Douro e o Miño (coa excepción da sauna de Armea, Santa Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense).
O seu estudo centrouse na acumulación de novos exemplos, escavacións, datacións…, pero levados a cabo dun xeito moi desigual, derivado isto de iniciativas de investigación particulares.
Na actualidade o debate mais forte xira en torno á cronoloxía, e derivado dela, a súa función. Pero, doutra banda, paralelos etnográficos amosan a complexidade cultural que pode estar detrás da construción e uso das saunas. Se engadimos a súa singularidade material, todo leva a consideralas o reflexo material dunha complexa concepción ideolóxica de tradición indo-europea e celta.
Xunto á exposición sobre a materialidade das saunas e as súas peculiaridades, intentarei ofrecer unha explicación do seu sentido ideolóxico baseándome nunha lectura minuciosa do rexistro material.

Marco V. García Quintela: Dende a miña tese doutoral tiven como obxecto de estudo principal as relacións entre o pensamento e a sociedade. Teño usado diversas fontes literarias (literatura clásica, crónicas medievais, haxiografía), ou testemuñas arqueolóxicas, sobre distintos períodos e zonas (Grecia arcaica, Roma primitiva, Hispania, Galicia protohistórica e cristián-primitiva, Galia protohistórica e Alto imperial), colaborando con especialistas de diferentes campos.

Desde hai quince años ocúpome das “topoloxías comparadas” aplicado ás relacións entre o espazo e o pensamento con tres libros publicados (Le pendu et le noyé des monts Albains, Bruseas: Atomus, 2007; Santuarios de a Galicia Céltica, Madrid: Abada, 2008, con M. Santos Estévez; en El Árbol de Guernica. Madrid: Abada, 2013, con F. Delpech). En particular, dende hai dez años, teño introducido a astronomía na cultura e na comprensión “topolóxica” dos procesos intelectuais en colaboración co astrofísico e arqueoastrónomo A.C. González García con quen teño asinado 17 traballos. Dúas subliñas téñenme ocupado especialmente: A primeira estuda a pegada arqueolóxica das cosmovisións, con traballos sobre as saunas da Idade do Ferro no NO de Hispania; sobre a “arquitectura ambigua” como unha forma de expresión relixiosa da Idade do Ferro; ou sobre a paisaxe cristián da Gallaecia.

A segunda, desenvolvida con A.C. González García, son estudios de astronomía na cultura (orientación esta que impregna parte da subliña anterior). Esta subliña tennos levado a estudar como se produce a cristianización do espacio-tiempo pagán na Gallaecia. Dela deriva a investigación sobre a Galia iniciada no 2014 con cinco artigos publicados e outros en prensa ou en preparación. Nesta subliña inclúese o libro propio Le mythe de fondation de Lugdunum en proceso de escritura.

A converxencia entre a construción da paisaxe cristián e os estudos sobre a Galia producese ó detectar, en ámbolos dous casos, expresións materiais da ideoloxía calendárica céltica a traverso da súa transformación. Na Galia, cando se insire no Imperio Romano baixo Augusto; en Gallaecia ó transformase en culto cristián ó hilo da construción das paisaxes cristiáns. O mínimo común denominador de ámbalas dúas transformacións sería, precisamente, o substrato celta.

Como xestor de ciencia coordino dende 2004 o grupo de investigación da USC, GI-1919 Síncrisis, Investigacións en Formas Culturais, o primeiro grupo da Universidade de Santiago de humanidades por produtividade científica en 2013-2015.

http://imaisd.usc.es/seccionproducion.asp?i=gl&s=-2-26-51. O grupo Síncrisis ten a categoría de Grupo de Referencia Competitiva outorgada pola Xunta de Galicia en base a criterios competitivos en convocatoria pública, así mesmo ten participado (2014-2015) na rede de financiamento autonómica e base competitiva “Consiliencia” en colaboración con grupos de ciencias da terra; e na actualidade (2017-2018), na rede “Patrimonio cultural: Servizos Históricos e Técnicos”. Entre 2007 e 2015 dirixín a serie de monografías do CSIC Traballos de Arqueoloxía e Patrimonio http://www.incipit.csic.es/gl/Publicaciones.aspx. Dende xaneiro de 2013 son secretario do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC.

Sinopse da conferencia de Dolores González de la PeñaO baño das ánimas: introdución ó termalismo antigo como precedente pagán do Purgatorio.

No recente estudo de Sergio Ríos González sobre os baños castrexos do noroeste da Península Ibérica (Ménsua Ediciones, 2017) dedícase un amplo capítulo a negar a función transcendental del termalismo prerromano: “Os defensores da orixe prerromana e autóctona do termalismo castrexo descartan o seu mero carácter hixiénico ou lúdico, outorgándolle de forma más o menos explícita, un certo grado de transcendencia”. Segundo Ríos, estes autores consideran, sen argumentos sólidos, que o termalismo antigo é unha manifestación de carácter relixioso e cultual, ou vencéllano a ritos de paso e iniciación dende un enfoque antropolóxico.
Neste traballo pretendemos sumarnos ós autores mencionados por Ríos demostrando que efectivamente, o termalismo non foi concibido na antigüidade como unha mera actividade hixiénica, senón que integraba un complexo ritual de purificación destinado a obter a salus (termo que en latín significaba saúde física, pero tamén salvación espiritual). Proba delo é que en saunas e termas colocouse o sitio do primitivo Purgatorio, precisamente por conectar estes lugares co Inframundo, é dicir, ca xeografía mítica do Inferno pagán, O Alén.
Para elo abordarémola cuestión cun enfoque holístico:
I. Recompilando referencias clásicas sobre a localización do Purgatorio en saunas e termas, e analizando en detalle a lenda do martirio de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz).
II. Presentando a testemuño medieval da ordalía (xuízo de Dios) celebrada nas caldas do río Miño.
III. Propondo evidencias na onomástica: revisión filolóxica dos teónimos prerromanos Bormánico e Edovio.
IV. Revisando paralelos no mundo atlántico: as sweat houses irlandesas como lugar do Purgatorio de San Patricio.

Dolores González de la Peña: naceu en Ferrol en 1967. É Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, onde exerceu a docencia como profesora de Lengua Española e Lingüística General durante dous cursos académicos. Adscrita ó Departamento de Teoría da Literatura formou parte do equipo que desenvolveu o proxecto de investigación “Cronología de la Literatura Española” (editorial Cátedra), así mesmo, catalogou e informatizou os fondos bibliográficos da Fundación Camilo José Cela. Na actualidade traballa no sector da administración de empresas e é autora do blog Arqueotoponimia.

  • Quick Contact

    Biblioteca Pública Municipal de Verín

    Avda. Portugal, 11 Verín , Galicia 32600 España
    Tel: 988413624 / biblioteca@verin.gal

© 2015_B.P.M. de Verín, Todolos dereitos reservados.