Na Lembranza de D. Xesús Taboada Chivite.

29/11/2018 to 30/11/2018 19:30 - 20:30

cartaz-webUn ano máis a Biblioteca do Concello de Verín, rinde tributo á figura de D. Xesús Taboada Chivite, nas datas na que se conmemora o seu pasamento.
Deste xeito a Biblioteca do Concello de Verín inaugurará unha pequena mostra da correspondencia entre o ilustre academico verinés e outros ilustres coetáneos, que darán fe da estreita relación do noso etnógrafo e escritor con outros insignes galeguistas, historiadores e escritores da época.

Dentro do mesmo ciclo teremos a conferencia de D. Paco López-Barxas que presentará a súa nova obra “Ben-Cho-Shey inédito”, onde fará unha especial mención a D. Xesús Taboada Chivite.

Ambos actos serán presentados por D. Antonio Fraguas (1905 – 1999), que é o homenaxeado nas Letras Galegas 2019.

Actos:
1. Inauguración Exposición: 29 de novembro ás 19:30h. –
Exposición: Contará cun conxunto de correspondencia de D. Xesús Taboada e ilustres coetáneos.
Visionado do vídeo de D. Xesús Taboada Chivite (adicado a D. Cesareo Losada Martínez falecido este ano).
A mostra estará dende o 29 de Novembro ao 31 de Decembro.

2. Conferencia: Xesús Taboada Chivite e Ben-Cho-Shey: Unha relación de amizade e compromiso galeguista.
Presentación do libro “Ben-Cho-Shey inédito” de Paco López-Barxas: 30 de Novembro.

A través de diversas cartas enviadas por Xesús Taboada Chivite a Ben-Cho-Shey, incluídas no libro de Paco López-Barxas “Ben-Cho-Shey inédito”, o autor desenvolve algúns dos aspectos profesionais e as preocupacións temáticas de Taboada Chivite, un dos investigadores máis destacados da cultura galega. Unhas preocupacións que centraron gran parte da súa actividade na historia, etnografía e arqueoloxía na comarca de Verín e do Val de Monterrei, aos que ten adicado exhaustivos e numerosos estudos ao longo da súa vida.
A mediados do pasado século, Taboada Chivite, que é once anos máis novo ca Ben-Cho-Shey, amósalle o seu interés pola recuperación de datos etnográficos que irá acumulando sobre a comarca de Verín, facéndoo partícipe da súa pescuda nos arquivos madrileños.
Ben-Cho-Shey, sempre disposto desde a embaixada galega do seu domicilio madrileño, coordina cos representantes da Galicia interior e exterior multitud de iniciativas: solicitudes de colaboración para revistas, programas de radio en Londres, Feiras do Libro en Madrid, seguimento dos libros na Censura, dinamización dos Centros galegos, etc. etc. amais de servir de enlace -como na relación con Taboada Chivite- cos traballos de investigación en curso sobre a comarca de Monterrey.

PACO LÓPEZ-BARXAS (Ourense, 1952) é Licenciado en Literatura Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid, cidade na que vivíu durante 21 años vinculado á ensinanza, ó xornalismo cultural e á crítica literaria, tras vivir en Verín prácticamente os primeiros 15 anos da súa vida. Foi Director de Publicacións da Universidade Antonio de Nebrija de Madrid, ao tempo que colabora nos principais periódicos e revistas do país. De regreso a Galicia, en 1991, dirixe o Xornal Diario (Pontevedra), facéndose responsable posteriormente do Gabinete de comunicación do Consorcio de Santiago. Presentou un microespacio de libros en Televisión Española en Galicia e, como Redactor Xefe da Televisión de Galicia, creou o espazo “Palabra de autor/palabra de autora”, co que pechaba os informativos diarios. No goberno da Xunta de Galicia foi Director Xeral de Cultura, así como Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.
“Confieso que he leído” e “A historia de Ramón” (sobre a infancia de Otero Pedrayo), son os dous últimos títulos dos máis de vinte libros que leva publicados nos xéneros de ensaio, narrativa infantil e edicións críticas.

Hora Conferencia / Inauguración Exposición: 19:30h.

Lugar: Biblioteca do Concello de Verín

  • Quick Contact

    Biblioteca Pública Municipal de Verín

    Avda. Portugal, 11 Verín , Galicia 32600 España
    Tel: 988413624 / biblioteca@verin.gal

© 2015_B.P.M. de Verín, Todolos dereitos reservados.